domingo, 28 de octubre de 2012

Contacontos para os maiores

Vouvos contar unha historia dunha nena que podería ser calquera de vos.  É a historia dunha nena á que non lle gustaban os contos.
E non lle gustaban os contos porque pensaba que neles só ocorren desgrazas. Carapuchiña atópase co lobo e o lobo cómese á avoa. Os tres porquiños están mortos de medo porque outro lobo sopra e sopra para podelos comer despois na sopa. Brancaneves sempre anda perseguida e escondida sen unha fada que a salve e remata envelenada. Dos fillos dos dálmatas non sabemos nada, e a pobre Cincenta é cruelmente maltratada. A Bambi mátanlle á nai e ao Rei León ao pai.
Un día, xa cansa de non atopar ningún conto sen desgrazas púxose pensativa a mirar para o ceo e contoulle moi triste á lúa porque  non lle gustaban os contos.
A lúa contestoulle que tiña razón e que só ela tiña as escenas dos contos que non coñecemos.
-       Entra neste cráter e conta tres, e xunta tamén os pés. Díxolle a lúa. A rapaza así o fixo e apareceu de pronto na mesmiña Lúa.
Entrou no cráter despaciño como lle dixera a Lúa e alí estaba a súa amiga Marula a tartaruga, de pé sobre as súas patas traseiras dándolle a unha manivela que facía mover unha cinta transportadora. Coa pata que lle quedaba libre ía sacando dunha caixa sen fondo todos os ingredientes necesarios para crear os contos: un gato, unha alfombra voadora, moitas fadas, bruxas, un mar con sereas cheas de burbullas, unha malvada, un pez anano que podía ser Nemo, un monstro dun só ollo que conta chistes e unha pantera que non se lle ocorre outra cousa que ser de cor rosa.
Marula bota polvos de envexas, heroes, pesadelos, triunfadores e príncipes. Feitizos, namoramentos e venganzas, animais que escapan e serpes que botan a lingua antes de encher a panza.
 A rapaza díxolle a Marula que non metera nos contos tantas tristezas, ni nais malas nin bichos sen cabezas.

E preguntoulle á tartaruga:
-       Podes dicirme, Marula, a qué se dedica agora Pinocho ou se ao final Peter Pan medrou, se Mulán estudou belas artes ou se Garfield sigue facendo o gamberro por todas partes?

A rapaza veu que da cinta transportadora todo pasa a una cabina que xira, que Lúa tamén se mete e que un anaquiño  alí se queda, sae pronto e nun momento, entre as mans xa ten un novo conto que lle entregou á rapaza.

E díxolle a Lúa:
     - Aquí tes. Neste conto cóntoche o que non sabes, o que lle pasa á sirenita ou cantos netos ten o       Príncipe Quieto. Podes xa lelo, pero sae do cráter primeiro.

E co conto baixo o brazo marchou a rapaza que non puido aguantar a curiosidade e antes de saír do cráter da Lúa mirou as tapas do libro e veu que se titulaba “As partes escondidas dos contos”.
Enterouse de que o noso querido Pinocho ten unha nai moi boa que entre plin e plan se desmelena e resulta que rematou convertida nunha ballena. Que o Rey León nunca morreu pero que foi a lei da selva quen o escondeu. Que o lobo de Carapuchiña é o mesmo que o dos tres porquiños e que non é nin máis nin menos que un bonito trasno que se chama Lobo, que se disfraza entre os ventos para asustar un pouco aos personaxes dos contos.
Tamén se deu conta que todos os finais dos contos son felices porque un conto non é máis que unha historia inventada escrita para os nenos e que non ten outra finalidade  que levarnos a outros mundos, a veces a ritmo de canción, coa única misión de alimentar a nosa imaxinación.
Cando a rapaza chegou á casa quixo seguir lendo no seu novo libro de contos, pero descubriu que ao deixar atrás o cráter da Lúa, nel quedaron todas as palabras que o libro tiña escritas.
Ata as nosas mans chegou ese libro que agora está en branco, e esa rapaza que entendeu que os contos son viaxes pola imaxinación pídevos agora a vos que volvades cubrir o libro coas continuación de contos que vos inventedes para que queden recollidas no voso libro das “Partes escondidas dos contos.”

                       

1 comentario:

  1. andrea alonso perez1 de febrero de 2013, 16:13

    Olaaa lin o conto e gustoume ...jehe os que o fixeron quedoulles moi guayy..jiji adeus bicos a todosss e especialmente para os que fixeron o libro ..jehr

    ResponderEliminar